Thursday 02 de May de 2024

Un equipo técnico da Consellería de Sanidade visitará Noia en outubro para valorar se constrúe un novo centro de saúde ou reforma o existente


 

O alcalde de Noia, Santiago Freire, reuniuse esta mañá co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña

Un equipo técnico da Consellería de Sanidade visitará Noia o vindeiro mes de outubro para valorar se se procede a construír un novo centro de saúde ou se é mellor proceder a reformar o xa existente. Así llo confirmou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ao alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, nunha reunión mantida esta mañá en San Caetano.

O alcalde de Noia valorou a boa disposición da Consellería de Sanidade para mellorar as instalacións e dotacións sanitarias que teñen á súa disposición tanto os veciños e veciñas de Noia como os do resto da comarca, pois nestas dependencias tamén está instalado o Punto de Atención Continuada (PAC). “A día de hoxe manéxanse dúas posibilidades: remodelar o edificio actual para adaptarse ás novas necesidades da veciñanza; ou plantexarse a construción dun novo centro de saúde en San Lázaro”, explica Freire Abeijón.

Neste sentido, o alcalde noiés celebra que “no vindeiro mes vaia vir un equipo técnico da Consellería para valorar sobre o terreo cal das dúas solucións é a mellor: facer un novo centro de saúde ou remodelar o actual”. Cos datos que se obteña nesta visita técnica, a Consellería de Sanidade poderá facer unha valoración aproximada do custe que tería facer un novo centro ou remodelar o xa existente, así como decidir cal é a mellor alternativa para unha mellor atención aos veciños e veciñas de Noia e da súa comarca.

Neste sentido, Santiago Freire agradece especialmente “o compromiso do conselleiro de Sanidade con Noia, pois nos indicou que no 2023 os veciños e veciñas poderán desfrutar dunhas mellores e ampliadas instalacións sanitarias, ben de nova construción, ben pola remodelación das existentes”.